Aplazado SÉS en concerto. Xira Liberar As Arterias

O concerto de presentación de Liberar as arterias na Coruña aprázase por positivo en covid-19 de Sés.

A cantareira, que se atopa en bo estado no seu domicilio, comprométese a contar cunha nova data na Coruña para presentar, ao vivo, o seu último disco.
O aprazamento tamén afecta a outras das actuacións previstas nos vindeiros días, como son o sábado 10 no Rosal e o mércores 14 en Santiago.

A Coruña, 9 de outubro de 2020.- Sés lamenta aprzar o concerto de presentación de Liberar as arterias na Coruña após coñecer o seu positivo en covid-19. A cantareira atópase en bo estado e confinada no seu domicilio, e quere trasladar unha mensaxe de tranquilidade ao seu público, ao que agradece a confianza no seu traballo. Sés lamenta non poder celebrar reencontro coruñés, maiis promete atopar, o antes posible, unha data para dita presentación.

O aprazamento tamén afecta a outras previstas para os vindeiros días no Rosal (sábado 10, banda completa) e Santiago de Compostela (mércores 14, formato dúo).

A actuación na Coruña, prevista para este domingo 11 ás 20.30 horas no Pazo da Ópera, tiña como obxectivo dar a coñecer o sétimo álbum de estudio da coruñesa, Liberar as arterias. Un traballo coidado, sen interferencias, no que Sés segue a demostrar a súa constante evolución en cada tema, e no que rende homenaxe á poeta Luz Fandiño.

Todas aquelas persoas con entrada para o Pazo da Ópera que desexen solicitar a devolución poderán facelo desde hoxe. A plataforma web Ataquilla.com porase en contacto ao longo desta xornada cos compradores para trasladar a posibilidade da devolución, así como o procedemento e prazos para solicitala, que será até o 25 de outubro inclusive. Os compradores deberán indicar o enderezo de correo electrónico co que se realizou a compra e a referencia das súas entradas a través dun enlace que recibirán no seu correo.